TV RURAL > SENDA VERDE TV
SOBERANÍA ALIMENTARIA
“Quen produce decide: soberanía alimentaria galega.”
Abordamos o problema desde varias perspectivas, comezando por quen controla a terra, as sementes e a auga, sen esquecer os coñecementos necesarios para unha agricultura ecolóxica e rexenerativa. Tamén falaremos dos prezos e das normas que condicionan a produción e a comercialización de alimentos para, con esta base tratar como se organiza a xente do rural e das cidades para gañar poder real de decisión sobre que se produce, como se produce e para quen.
A consideración que subxace en todo o proceso é sempre a mesma: quen manda no prato da maioría social e como cambiar esa realidade a favor de quen traballa a terra e alimenta o país.
- Formar
- Conservar/recuperar
- Informar
- Denunciar
FORMAR:
Formación práctica significa ofrecer ferramentas concretas para que a xente do rural gañe autonomía económica, organizativa e política, tendo en conta que facer comida é facer poder. Para iso desenvolveremos unha serie de mini-titoriais nos que explicaremos como montar un grupo de consumo, como organizar a compra de insumos, como vender legalmente en circuíto curto e mesmo como negociar en grupo coas tendas ou coas plataformas de distribución.Non deberemos esquecer unha análise da economía da horta para coñecer os custos reais de producir un quilo de verdura, carne ou cereal; como calcular prezos xustos que garantan unha renda digna; e canto leva o intermediario e canto queda na explotación, con comparativas sinxelas: quilo na explotación vs. quilo no supermercado. Por exemplo: cal é o prezo real dun litro de leite galego? ou canto custa de verdade unha cesta de horta?O complemento do anterior será explicar, en linguaxe clara, as normativas que afectan directamente á soberanía alimentaria: vendas de proximidade, transformación artesanal de alimentos e uso de sementes tradicionais, coa finalidade de saber que pode facer unha casa labrega, unha pequena cooperativa ou un grupo de consumo para aproveitar as marxes legais e defender os seus dereitos.
CONSERVAR E RECUPERAR
Unha parte esencial da soberanía alimentaria pasa por conservar e recuperar o patrimonio, ligando a soberanía alimentaria co patrimonio agrario, cultural e comunitario. Non como nostalxia, senón como base material para a autonomía.Neste sentido é importante a conservación das sementes locais, creando redes de intercambio para recuperar as variedades tradicionais (millo, fabas, trigo, viño, pataca, legumes…) e dándolle visibilidade á rede de gardiás, gardiáns De produtoras de sementes, como exemplo de como esas variedades poden soster o futuro da alimentación galega.Na recuperación do patrimonio falaremos de prácticas tradicionais que reforzan a soberanía alimentaria: montes de man común, regos e formas comunitarias de uso da terra; a práctica da matanza; a conservación de alimentos; a elaboración de queixos, pan, conservas, afumados, salgados e secos. Todas estas formas de organización e saber facer permiten depender menos de insumos externos, cadeas longas e supermercados. Para iso imos analizar onde merca hoxe o rural galego a súa comida (supermercado vs. produción local), canto podería ser producido localmente e non o é, e como as técnicas tradicionais de conservación poden reducir a dependencia da compra constante.
INFORMAR E DENUNCIAR
Coa mirada posta na soberanía alimentaria no centro da axenda, imos informar e denunciar para colocar esta cuestión no foco público, máis alá do mundo agrario estrito.Neste sentido prestaremos atención ás loitas polo territorio (parques eólicos, minas, macrogranxas, urbanizacións, infraestruturas), ás políticas públicas que afectan á terra, á auga, ás sementes e á produción de alimentos, e presentaremos novas experiencias de organización campesiña e de consumidores tanto no rural coma nas cidades.Para potenciar a soberanía alimentaria hai que deixar ben clara a cadea de valor: o que cobra o produtor, o que paga o consumidor e a comparativa clara entre produto local e produto importado. Temos que desterrar a idea do agricultor cobrando prezos moi baixos e tendo que vivir pendente das axudas da PAC.
Unha parte importante dos argumentos a favor da soberanía alimentaria virá da propia xente afectada: labregas e labregos expulsados ou a piques de abandonar a actividade; xente nova que intenta incorporarse ao agro con modelos agroecolóxicos e atopa barreiras; así como cooperativas, grupos de consumo e iniciativas comunitarias que conseguen avanzar en soberanía alimentaria.
A todas e a todos imos lles preguntar: que vos fai falta para ter soberanía sobre o voso traballo e sobre a alimentación da comunidade?
A PRACTICA DENDE SENDA VERDE TV RURAL
Imolo plasmar en diversas técnicas:
- Microvídeos (1–3 minutos) para redes sociais, con datos duros e mensaxes moi claros.
- Pezas de 8–12 minutos para titoriais prácticos e explicacións de normativa.
- Reportaxes de 15–20 minutos sobre experiencias concretas de soberanía alimentaria en comarcas, cooperativas ou proxectos.
- Reportaxes longas (30–40 minutos) en formato documental, pensadas como contidos de fin de semana.
- Directos e debates con labregas e labregos, grupos de consumo, pequenas tendas e, cando se deixen, representantes da administración e da distribución.
- Un mapa interactivo (a medio prazo) na web, que recolla:
- Proxectos de produción local.
- Grupos de consumo.
- Cooperativas e iniciativas de transformación e distribución alternativa.
Simultanearemos a nosa televisión rural na nosa propia web e en YouTube, con apoio constante en Telegram/WhatsApp (listas de difusión no rural, grupos comarcais) e en redes urbanas (Instagram/TikTok) con clips curtos dos contidos principais.
As mensaxes clave que deben impregnalo todo serán:
- “Non hai soberanía alimentaria sen terra en mans da xente que a traballa.”
- “Alimento barato a costa de agricultores e gandeiras non é xusto nin sustentable.”
- “Cada euro que gastas en comida vota por un modelo agrario.”
- “Organizarse é mellor que resistir en solitario.”
SENDA VERDE TV quere ser unha ferramenta para esa organización e para que quen produce poida, de verdade, decidir.
.