Ir ao contido

Televisión rural: voz do territorio - Fundación Galicia Verde

Televisión rural: voz do territorio

PROXECTOS > TV RURAL
A voz do territorio
Senda Verde TV Rural nace para ofrecer ao rural galego un espazo propio de comunicación, no que as persoas, as aldeas e as entidades locais poidan contar a súa realidade coa súa propia voz. Queremos dar visibilidade ás iniciativas que manteñen vivo o territorio, divulgar coñecementos útiles e recuperar historias, oficios, tradicións e experiencias que forman parte do noso patrimonio colectivo.

Esta televisión en liña abordará temas como a agricultura, o monte, a biodiversidade, a alimentación, a saúde, a cultura, o emprendemento, os servizos públicos ou os problemas que condicionan a vida nas comarcas rurais. Non queremos falar do rural desde fóra, senón construír unha canle feita desde o territorio e coa participación das súas xentes.

Por iso precisamos a colaboración de asociacións, comunidades de montes, cooperativas, produtores, centros educativos, profesionais e persoas particulares. Pódese participar propoñendo temas, achegando información, compartindo experiencias, recuperando a memoria local, gravando imaxes ou axudando a localizar persoas e proxectos que merezan ser coñecidos.

Cada colaboración contribúe a crear unha rede rural máis informada, conectada e capaz de defender os seus intereses. Senda Verde TV Rural quere ser unha ferramenta colectiva ao servizo das comunidades. O rural ten moito que contar; agora precisa unha canle para facerse escoitar.

Contidos desde o territorio

Sempre de abaixo cara arriba. A programación partirá dos intereses e das preocupacións da xente do rural, seguindo este percorrido:

  1. Persoas: veciñas e veciños, mocidade e maiores, quen vive e traballa no territorio.
  2. Entidades locais: asociacións culturais, comunidades de montes, grupos ecoloxistas, ANPAS e outras organizacións.
  3. Sector produtivo: cooperativas, pequenas empresas, emprendementos e proxectos locais.
  4. Concellos e, cando exista interese xeral e sen interferencias editoriais, outras institucións.

Daremos visibilidade a iniciativas, experiencias e problemas que afectan á vida das comarcas galegas.

Para que nace esta televisión?

A nosa programación ten tres propósitos: informar, formar e conservar e recuperar o patrimonio natural, cultural e humano.

Senda Verde TV Rural non quere ser unha televisión para mirar en silencio, senón un espazo onde a comunidade poida:

  • Verse representada nos contidos.
  • Participar propoñendo temas e contando o que acontece.
  • Corrixir erros, matizar informacións e pedir explicacións.
  • Sentir a canle como un proxecto colectivo e independente.

Principios que non se negocian

A televisión rural estará ao servizo das comunidades e da defensa dun territorio vivo, cun uso equilibrado e sostible dos seus recursos.

  • Utilidade: información práctica sobre dereitos, servizos, produción e oportunidades.
  • Rigor: datos contrastados e corrección pública dos erros.
  • Participación: a veciñanza propón e contribúe a decidir os temas.
  • Claridade: galego comprensible, pezas accesibles e subtítulos cando sexan necesarios.
  • Independencia e transparencia: separación entre información e opinión, sen imposición de intereses alleos.

Organización comarcal

Queremos chegar ás 53 comarcas galegas mediante grupos abertos de persoas e entidades que escoiten necesidades, recollan propostas e impulsen contidos desde cada territorio.

A estrutura prevista comprende:

  • Nodo comarcal: recolle ideas e participa na elaboración de contidos, con apoio e formación.
  • Consello Comarcal de Programación: prioriza e organiza as propostas en reunións periódicas.
  • Coordinación central: presta apoio técnico, edita as pezas e coordina a programación con visión de país.

Nos contidos de especial relevancia poderemos desprazar un dos equipos técnicos itinerantes profesionais para reforzar as gravacións.

Como chega un tema á pantalla?

  1. Escoitamos propostas a través de formularios, mensaxería e encontros comarcais.
  2. Definimos que sucede, a quen afecta e quen debe participar.
  3. Contrastamos os datos básicos e o interese público.
  4. Producimos e emitimos a peza, entrevista, reportaxe ou debate.
  5. Facemos seguimento: réplicas, actualizacións e resultados.

Obxectivos prioritarios

A. INFORMAR — servizo público desde o territorio.

  • Actualidade comarcal, economía local, emprego e oportunidades.
  • Trámites, axudas, dereitos e servizos públicos.
  • Seguimento das actuacións públicas e dereito a réplica.

B. FORMAR — unha escola rural aberta.

  • Agroecoloxía, fertilidade do solo, auga e cultivos.
  • Monte, prevención de incendios e boas prácticas.
  • Competencias dixitais, pensamento crítico e formación audiovisual, especialmente para a mocidade.

C. PROTEXER E RECUPERAR — memoria e patrimonio vivo.

  • Oficios, saberes e experiencias tradicionais.
  • Patrimonio natural, arquitectónico, cultural e lingüístico.
  • Memoria Viva: arquivo audiovisual accesible ás comunidades das distintas comarcas.

Como podes participar?

Calquera persoa ou entidade pode propoñer temas, enviar información, compartir experiencias, participar en gravacións ou axudar a difundir contidos.

Se coñeces unha historia, un problema ou unha iniciativa que merece ser contada, fáinola chegar. O rural ten moito que dicir e a súa voz debe escoitarse.

Para participar: usa o botón «QUERO APOIAR A TELEVISIÓN RURAL» da páxina, que abre o formulario dinámico coa opción correspondente seleccionada.

A base da nosa programación son os intereses e as necesidades da xente do rural. Así de simple. Se queremos facer unha televisión útil, temos que escoitar, dialogar e responder ao que pasa nas aldeas, nas vilas e nas comarcas.

Por iso organizámonos por comarcas: para estar preto, para coñecer a realidade de cada sitio e para dar resposta ás 53 comarcas de Galicia. Queremos que cada persoa, viva onde viva, poida dicir: “aquí tamén saímos nós”. Con este criterio estamos construíndo unha rede de participación que pretende chegar ás 53 comarcas galegas..
Unha tele feita pola xente e para a xente


Gustaríache propoñer un tema, contar un proxecto ou gravar desde a túa parroquia?

Pasos:
  1. Descríbenos a historia en 5-10 liñas e indica persoas de contacto.
  2. Se tes material, achega 3-5 clips curtos en horizontal (1080p) e 2-3 fotos.
  3. Inclúe permisos de gravación e cesión de imaxe se hai menores.
  4. Envía todo a secretaria@fundaciongaliciaverde.gal ou usa o formulario.

Que buscamos: temas con utilidade pública, enfoque en solucións e respecto polas persoas e o territorio
.
Volver ao contido
Application icon
Fundación Galicia Verde Install this application on your home screen for a better experience
Tap Installation button on iOS then "Add to your screen"