Ir ao contido

Página 61 - Fundación Galicia Verde

Página 61

LUCES E SOMBRAS > DOCUMENTOS
NOTA DE PRENSA

Máis de 12.000 asinaturas avalan a primeira lei a
nivel mundial para protexer ecosistemas en
restauración

● A Iniciativa Lexislativa Popular propón crear a figura de Áreas de Restauración
Ecolóxica para recuperar ecosistemas degradados
● A proposta de lei, apoiada por máis de 12.000 cidadáns entre os que se encontran
Comunidades de montes da Terra de Montes, establece unha ferramenta legal
específica para restaurar a natureza e evitar a degradación dos espazos
recuperados

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026.– Esta mañá a Iniciativa Lexislativa
Popular (ILP) para crear unha nova figura legal de protección ambiental, as Áreas de
Restauración Ecolóxica, completou o proceso que permitirá a súa toma en consideración ao
entregar no Parlamento galego máis de 12.000 apoios de cidadáns galegas.
A proposta quere establecer un marco xurídico específico para impulsar a recuperación de
ecosistemas degradados e garantir que os espazos restaurados conten cun réxime de
protección que evite a súa deterioración no futuro. A Comisión Promotora manifestou a súa
satisfacción logo de superar a fase de recollida de sinaturas, que requería un mínimo de
10.000 avais por parte de electoras censadas na comunidade autónoma.
Trátase da primeira vez a nivel mundial que se propón unha nova categoría de espazo
protexido orientada especificamente á recuperación funcional de ecosistemas degradados.
Se a proposta é aprobada, cada unha destas áreas contará cun Plan de Restauración
Ecolóxica vinculante, no que se definan os obxectivos ambientais, as actuacións
necesarias, os indicadores de seguimento e o réxime de usos permitidos ou limitados.
A Comisión Promotora, que integra representantes de diversos colectivos ambientalistas e
veciñais, sinala que unha parte significativa dos ecosistemas galegos —terrestres, fluviais,
costeiros e mariños— sofre procesos de degradación provocados por factores como a
transformación do territorio, os incendios recorrentes, o abandono de prácticas tradicionais,
as alteracións hidromorfolóxicas ou os efectos do cambio climático. Neste contexto,
consideran que a conservación dos espazos mellor preservados, sendo fundamental, non é
suficiente para frear a perda de biodiversidade.
De feito, o novo Regulamento europeo de restauración da natureza establece o obxectivo
de restaurar polo menos o 20 % das áreas terrestres e mariñas da Unión Europea antes de
2030, polo que os promotores consideran necesario contar cun instrumento legal propio que
permita aplicar estas políticas de forma eficaz e adaptada á realidade territorial galega. A
Comisión aspira a que a lei marque un fito no contexto da Década das Nacións Unidas para
a Restauración dos Ecosistemas, que finaliza en 2030.
A proposta tamén aposta pola participación social na restauración da natureza. A iniciativa
permitiría que a declaración destas áreas puidese partir non só da Administración
autonómica, senón tamén das entidades locais, das persoas propietarias dos terreos, das
comunidades de montes veciñais en man común, das entidades de custodia do territorio ou
das confrarías de pescadores e pescadoras no ámbito mariño.
Ademais, o texto prevé mecanismos para facilitar a posta en marcha destes proxectos,
como a prioridade no acceso a fondos públicos destinados á restauración ecolóxica, á
conservación da biodiversidade ou á adaptación ao cambio climático, así como incentivos
fiscais asociados á adquisición de terreos ou ás doazóns destinadas á restauración
ambiental.
A proposta conta co respaldo de numerosas entidades ambientalistas e conservacionistas
(Asociación Galega de Custodia do Territorio, Asociación para a Defensa Ecolóxica de
Galiza, Asociación Senda Nova, Asociación Corripa, Ecoloxistas en Acción, Fundación
Montescola, Fundación Naiterra, Greenpeace e Verdegaia) así como de comunidades de
montes veciñais en man común integradas en Montes Vivos, a Rede de áreas conservadas
por comunidades locais.
Completada a entrega das sinaturas, o seguinte paso será que a Xunta Electoral e a Oficina
do Censo Electoral validen as mesmas. Completado este trámite terá lugar o debate de
toma de consideración por parte do pleno do Parlamento. A Comisión Promotora confía que
a proposta obteña o apoio unánime da cámara e que a proposta se converta en lei o
próximo ano.


FIN DA NOTA DE PRENSA
Expediente no Parlamento:
Contacto: Joám Evans Pim | 622312831 / Alba Rivas 689858197


Volver ao contido
Application icon
Fundación Galicia Verde Install this application on your home screen for a better experience
Tap Installation button on iOS then "Add to your screen"